Inicio Novas O Fondo Galego de Cooperación achega a súa experiencia nun seminario europeo

PostHeaderIcon O Fondo Galego de Cooperación achega a súa experiencia nun seminario europeo

 

O Fondo Galego de Cooperación achega a súa


experiencia nun seminario europeo


 

- O encontro celebrado en Lisboa reuniu a axentes da cooperación internacional de Alemaña e Portugal para impulsar a cooperación descentralizada en rede

- O traballo da asociación galega de Concellos e Deputacións foi escollido como referencia no marco dun proxecto cofinanciado pola Unión Europea

 

Lisboa, 1 de xuño de 2011. O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade vén de participar nun seminario internacional para achegar a súa experiencia a axentes do sector procedentes de Alemaña e Portugal. O encontro celebrado en Lisboa encádrase no proxecto europeo ‘Construíndo redes para o desenvolvemento: dos irmandamentos a unha cooperación máis eficiente’, que busca promover as redes de cooperación descentralizada en ambos os dous países.

Ademais de representantes de municipios e ONGDs de Portugal e Alemaña, as sesións contaron tamén coa presenza da xefa da Representación da Comisión Europea en Portugal, Margarida Marques, e a vice-Presidenta do Instituto Portugués de Apoio ao Desenvolvemento, Inés Rosa.

Nesta iniciativa cofinanciada pola UE, o Fondo Galego foi escollido como referente, en tanto que rede de cooperación local xa consolidada, a fin de compartir a súa experiencia cos demais parceiros. Neste senso, o responsable da Secretaría Técnica, Ánxelo González Vicente, explicou cómo vén traballando a asociación galega de Concellos e Deputacións no eido da cooperación internacional desde 1997.

No workshop ‘Aprender coa experiencia’ interviñeron ademais os outros dous parceiros deste proxecto europeo, a ONGD alemá FINE+P e a lusa Instituto Marquês de Valle Flôr. Tamén participaron, entre outros, representantes de UNICEF e dunha decena de municipios do país veciño.

As Cámaras lusas están a estudar a creación dunha rede de cooperación municipalista, para a que xa hai 14 Concellos portugueses interesados, entre os que foi conformada unha ponencia para a redacción dos estatutos da futura asociación.

O Fondo Galego


O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade é unha rede que engloba a 96 Concellos e ás catro Deputacións de Galicia. Fundouse en 1997 como un foro a través do que consensuar e concentrar os esforzos dos poderes locais galego no eido da cooperación ao desenvolvemento. Trátase deste xeito de garantir unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos ambiciosos que teñan un verdadeiro impacto nos países do Sur e facilitar unha meirande sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional.

Desde a súa fundación, a asociación ten desenvolvido 135 proxectos en máis de 20 países, e organizado e editado multitude de actividades e materiais en relación aos desequilibrios existentes entre os países do Norte e do Sur. Ten garantido a presenza da solidariedade do pobo galego nas catástrofes que afectan a aqueles países do mundo con menor capacidade para as enfrontar, con proxectos de reconstrución (como os casos de Sri Lanka, despois do maremoto de 2004, Cuba, despois dos furacáns de 2008 ou Gaza, despois dos bombardeamentos israelitas de finais de 2008 e primeiros de 2009). Na actualidade está a implementar unha intervención de post-emerxencia no Haití.

Para máis información, imaxes ou entrevistas, póñanse en contacto connosco.

SERVIZO DE COMUNICACIÓN

Carmen Novas 616 145 077

Esta dirección electrónica esta protegida contra spam bots. Necesita activar JavaScript para visualizarla

 



 

Actualizado ( Martes, 07 de Junio de 2011 23:50 )